Turismo Salvaterra

A Lamprea do Miño

A lamprea foi un dos primeiros vertebrados que apareceron no planeta. O nome grego de Petromyzon e o latino de Lampreta ven a significar chupador de pedras, o cal ten a súa razón xa que a lamprea fíxase ás pedras ou rochas coa súa boca.

A lamprea mariña e unha especie anádroma (nace e vive no río, vai o mar, e volve o río a aparearse) distribuída no hemisferio norte.

É un peixe inconfundible, a súa boca é una ventosa con infinidade de dentes. De esqueleto cartilaxinoso e pel sen escamas conta con dúas aletas dorsais separadas. Os ollos son moi rudimentarios e atópanse por debaixo da pel .

O xeito de alimentarse é sinxelo, acóplase ao corpo doutros peixes e chúpalles o sangue e outros líquidos corporais á vez que segrega unha especie de anticoagulante.

Algúns científicos non as consideran peixes. Hai que pensar que o esqueleto é cartilaxinoso, non ten mandíbulas, tampouco escamas nin aletas pares, as impares atópase pouco desenroladas e as branquias son diferentes as de outros peixes presentando os famosos sete buracos.

Reprodúcese da primavera ao principio do verán en augas doces, mellor se son correntes e ben osixenadas e isto choca de fronte cos encoros dos ríos da Galiza.

A femia pon entre 150.000 e 300.000 ovos. As postas realizanse nuns buratos de 60 cms de diámetro entre as pedras do fondo do rio. A femia fai esta labor fixada a unha pedra e efectúa a posta, o macho, adherido a cabeza ou o dorso da femia fecunda os ovos a medida que saen. Este proceso repítese varias veces durante un ou dous días

Os ovos de cor amarelo e 1mm de diámetro están cubertos por unha sustancia mucilaxinosa e forman masas que quedan protexidas polos montículos de pedras, que en Galiza reciben o nome morteiros.

Despois da reprodución os adultos morren. As larvas eclosionan logo de 10-20 días,  dando lugar o que se chaman ammocetes de entre 3 a 4 mm de lonxitude e morfoloxía moi diferente a do adulto. A súa boca non está transformada en ventosa, o corpo é opaco e son cegos.

Os ammocetes viven soterrados, en zona de area fina, durante un período de 4 a 6 anos, ata que acadan un tamaño entre 15 e 20 cms. Neste intre, dependendo do caudal e condición das augas, sofren unha metamorfoses (a finais de verán) que dura de catro a seis meses. Converténdose en parásitos e aparecéndolle os dentes, os ollos e os riles. Descenden ata a mar onde permanecen entre 1-4 anos en augas profundas. Un día o seu instinto fai que remonten os ríos (co estómago atrofiado e sen alimentarse ) en busca de lugares para reproducirse.

É nesta época, dende decembro ata maio, cando comeza a tempada no Miño. O Miño ten habilitados 35 Kms para a pesca da lamprea  (dende a súa desembocadura ata o encoro de Frieira ). No final deste tramo, a partires do concello de Salvaterra é onde aparecen as pesqueiras. As pesqueiras son construcións de pedra dispostas perpendicularmente ao rio,  datadas xa nos tempos dos romanos e que desafían todas as leis da natureza (fortes correntes do rio, temporais, etc). Dun número inicial de 700 actualmente 300 seguen en explotación.

Textos do antigo imperio romano falan de barcos que levaban ánforas cheas de lampreas e Viño de Amandi dende Galiza ata Roma.

Os concellos de  Salvaterra, As Neves e Arbo son os referentes na preparación da lamprea.

A LAMPREA EN SALVATERRA.

A pesca da lamprea en Salvaterra ten varias singularidades, unha delas ven dada pola presenza do río Tea, onde atopamos un arte de pesca único. No Tea os pescadores teñen que armar unhas pontes, habitualmente de madeira, chamadas estacadas. As estacadas estarán dispostas perpendicularmente ao rio e dotadas de iluminación, xa que só se pesca de noite. Enriba delas están os pescadores para fisgar as lampreas que soben contracorrente.

pesca_lamprea_tea_2